Máis cinema chinés en Codex

Despois da boa acollida a A cinza é o branco máis puro a semana pasada nas salas lucenses, este venres chega un novo filme chinés de evocador título: Longa viaxe cara a noite. O seu responsable, Bi Gan, deuse a coñecer hai un par de tempadas con Kaili Blues, un filme xeracional, fermoso e tranquilo, sobre as súas experiencias de xuventude; e, o ano pasado no festival de Cannes, presentou un ambicioso título que chega agora a Codex Cinema.
Longa viaxe cara a noite é un filme marabilloso sobre un home na busca do seu pasado, significado na figura da muller que amou. Mais esta viaxe introspectiva é un tránsito polos recordos, pola melancolía dos tempos pasados, polas oportunidades perdidas. Os ambientes nocturnos están filmados de forma primorosa, recordando a cineastas como Wong Kar-wai ou Hou Hsiao-hsien.
Noites perigosas e sedutoras ao mesmo tempo, rúas con luces de neon, fume e néboa, un paisaxe urbano que se transforma, a medio camiño entre o thriller e o melodrama, entre os soños e os recordos, entre os anhelos e as renuncias.
Este filme de Bi Gan foi o mellor valorado na edición de 2018 do Festival de Cannes pola crítica internacional, a pesar de competir na sección Un Certain Regard, a segunda en importancia do certame. Prensa de todo o mundo como Los Angeles Times, Hollywood Reporter, Libération ou a española Caimán Cuadernos de Cine considerouna o filme máis relevante, tan emocionante como arriscado, unha experiencia sensorial única, convertindo a Bi Gan, un mozo de tan só 30 anos, nun dos cineastas máis importantes do mundo e que fala do bo estado da cinematografía chinesa.
En Codex Cinema, despois da monumental An Elephant Sitting Still do malogrado Hu Bo, e de A Cinza é o branco máis puro, de Jia Zhang-ke, siguen dando conta de filmes desta nacionalidade, tan afastada no xeográfico mais con películas que nos falan de problemas cotiáns e nos que é fácil recoñecerse.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com