O Partido Popular e Cidadáns asinaron na tarde de onte un acordo que garante a gobernabilidade do Concello do Corgo durante os vindeiros catro anos. O documento, que foi asinado polos cabezas de lista do PP e de Ciudadanos nas pasadas eleccións municipais, Felipe Labrada e Javier Vila, en presenza da presidenta provincial do PP, Elena Candia, e da portavoz autonómica de Ciudadanos en Galicia, Olga Louzao, asegura un goberno estable no Concello para todo o mandato e establece os principais compromisos programáticos e a distribución de áreas do novo Executivo municipal.
Segundo o acordo asinado, os votos dos 5 concelleiros electos do PP e dos 2 de Ciudadanos farán posible este sábado a investidura de Felipe Labrada como novo alcalde do Corgo como cabeza de lista da candidatura máis votada nas últimas eleccións municipais e Javier Vila, cabeza de lista de Ciudadanos, será primeiro tenente
de alcalde e levará a delegación de Vías e Obras. O outro concelleiro de Ciudadanos, Brais Fernández, dirixirá o persoal de Obras, Parque Móbil municipal e mantemento de zonas verdes e será o responsable de organizar a festa da capitalidade do concello.
O documento programático recolle ademais un acordo de investimentos tal como esixiu Ciudadanos. Deste xeito, o Partido Popular comprométese a buscar investimentos para o Concello do Corgo por valor dun millón de euros a desenvolver durante os catro anos de mandato que, entre outras, incluirían actuacións para a mellora de estradas e camiños rurais e a renovación e ampliación da rede de abastecemento de auga potable e saneamento. A decisión sobre o destino final deste millón de euros adicional ao orzamento municipal corresponderá integramente aos concelleiros de Ciudadanos.
Finalmente, establécese unha Xunta de Goberno paritaria formada por dous membros do Partido Popular e outros dous de Ciudadanos. Para o cumprimento dos acordos asinados créase unha comisión de seguimento do acordo de gobernabilidade que se reunirá cando menos unha vez ao ano ou sempre que unha das dúas partes o solicite.