A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na cidade de Lugo durante esta fin de semana de Arde Lucus, na que se chegou de media, de venres a domingo, ao 79 % de ocupación, o que supón un incremento de dous puntos con respecto ao ano pasado.
Os datos corroboran que nesta fin de semana a ocupación do venres foi dun 80 %, similar á de anos anteriores, e que o sábado chegou ao 98 %, sendo moitos os establecementos que alcanzaron o 100 %. Ademais, as pernoctacións do domingo mantivéronse a redor do 60 % de ocupación.
Os hostaleiros consultados sobre este balance coinciden á hora de afirmar que a maioría dos visitantes que estes días fixeron parada na cidade realizaron as reservas con menos antelación e que o festival O Son do Camiño influíu moito nestes resultados.