O Arde Lvcvs mantén o seu poder de convocatoria e impacto económico na cidade

O Arde Lvcvs cumpriu neste 2019 os seus 18 anos de celebración reafirmando o seu gran poder de convocatoria, aínda coincidindo con outras importantes citas festivas en Galicia, e o seu impacto económico, non só os propios días da celebración senón durante os meses previos. A festa lucense de recreación histórica castrexo romana fixo valer o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional e atraeu á cidade a milleiros de persoas doutras provincias, comunidades autónomas e países, que gozaron dunha cita en cuxo éxito “foi determinante unha vez máis a crecente dedicación do amplo tecido asociativo por enriquecer e mellorar o festexo con coidadas e fieis recreacións da vida romano castrexa”, subliñou o Concelleiro Miguel Fernández.

Entre as máis concorridas das preto de 400 actividades ofrecidas estiveron o desfile de tropas do sábado, polo XVIII aniversario do Arde Lvcvs, cunha participación estimada superior ás 25.000 persoas, o desfile dos colexios, con máis de 12.000 persoas, o circo, a entrada de tropas na cidade e o peche do festexo, ademais do concerto do grupo alemán Corvux Corax, unha das novidades destacadas deste ano que xerou gran expectación.

O éxito do Arde Lvcvs mídese tamén polo seguimento en redes sociais, que medra e xa supera os 37.000 seguidores. En Facebook rexistrouse un alcance das publicacións de 380.000 persoas, máis de 163.000 interaccións coa páxina e máis de 177.000 reproduccións de vídeo. En Twitter acadáronse as 150.000 impresións e 4.800 visitas ao perfil e en Instagram superáronse as 4.000 visitas ao perfil e houbo 4.000 interaccións. Outro dos datos indicativos da afluencia de xente foron as consultas e visitas aos puntos de información turística e rede de museos municipais, polos que pasaron este ano cerca de 5.200 persoas.

No Arde Lvcvs, Lugo volveu a demostrar que é unha cidade segura, pois, aínda tendo en conta a importante e continua afluencia de xente durante os tres días de celebración, a festa discorreu con normalidade, sen incidentes destacados, tal e como informou a Policía Local.

O Concello agradece o extraordinario labor das 18 asociacións vinculadas ao Arde Lvcvs, á Policía Local, Autonómica e Nacional, Protección Civil, Bombeiros e todos os servizos municipais que traballaron na organización e celebración do evento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com