Máis de medio millón de parasitos ‘torymus’ loitarán contra a avespiña do Castiñeiro

A Consellería do Medio Rural vén de rematar as soltas de individuos do parasito Torymus sinensis en todos os concellos da provincia de Lugo para loitar contra a avespiña do castiñeiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se soltaron en total máis de 557.000 individuos, con especial intensidade na comarca de Quiroga, zona que conta cunha importante produción de castañas.

No conxunto de Galicia, a consellería soltou 1,6 millóns de parasitos que supuxeron un investimento de 2,1 millóns de euros. Trátase do dobre de individuos que o ano anterior, ao conseguir autorización por parte do Goberno central, como ente responsable de autorizar estas soltas experimentais.

Balseiro destacou as accións que se están levando a cabo para frear a expansión deste insecto, pois ademais desta loita biolóxica tamén se están estudando a aplicación de medidas silvícolas e actuacións relacionadas coa mellora xenética no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra).

Igualmente, a Consellería do Medio Rural realiza tratamentos gratuítos en castiñeiros particulares, previa solicitude, para combater a enfermidade do cancro mediante a inoculación de cepas hipovirulentas en castiñeiros afectados. Así, no primeiro semestre deste ano tratáronse 4.462 exemplares na provincia, coa previsión de continuar no outono.

A Consellería do Medio rural dedica este ano para sanidade forestal un orzamento de 4,85 millóns de euros para protexer a riqueza dos montes de Galicia e contribuír así ao mantemento dos aproveitamentos forestais dun xeito sustentable, como fórmula para a xeración de riqueza no medio rural galego. Estes fondos dedícanse fundamentalmente para loitar contra as diferentes enfermidades forestais como a propia avespiña ou o cancro do
castiñeiro e o gorgullo do eucalipto, entre outras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com