O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor en Santiago de Compostela na inauguración do III Foro Aeroespacial Chile-España a aposta da Xunta por esta industria. O obxectivo de este encontro, que se celebra hoxe e mañá, é poder coñecer as últimas novidades en torno ao sector, os casos de éxito e avaliar as súas perspectivas de desenvolvemento e os desafíos regulatorios.
Conde destacou que o obxectivo da Xunta é internacionalizar a Marca Galicia dando a coñecer ao exterior os resultados tecnolóxicos que se están a obter na Comunidade galega. Así, a industria aeroespacial está a crear moitas oportunidades xerando só en España un volume de negocio de 1200M€ e 11.000 empregos.
O titular de Economía lembrou que fai cinco anos a Xunta decidía apostar por este sector e co apoio de toda a industria acadouse converter os vehículos aéreos non tripulados nun sector estratéxico para o desenvolvemento e o crecemento de Galicia. Así, esta colaboración fixo posible que empresas tractores líderes mostraran o seu interese pola Comunidade galega, como Indra -promotora deste foro-, Babcock e Boeing.
Sinalou, ao respecto, que esta suma de capacidades (empresas líderes, pemes galegas con experiencia, entidades colaboradoras como o CTAG, as universidades e as administracións) deu como resultado o Polo Aeroespacial de Galicia que cinco anos despois conta cun investimento programado de 164M€ (a metade xa está en execución); a implicación de 50 axentes entre administracións, empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento; o desenvolvemento de máis de 35 proxectos de I+D+i, emprendemento e infraestruturas; e a creación de máis de 400 empregos creados coa previsión de chegar a preto de 500 directos.