Slayer, Slipknot ou Within Temptation cabezas de cartel do Resurrection Fest

Os estadounidenses Slayer e Slipknot e os Neerlandeses Within Temptation son os cabeza de cartel dun dos festivais máis importantes de rock metal de Europa e o máis relevante de España. Xunto a eles outras 100 bandas encherán a vila de Viveiro de música e xente durante a vindeira fin de semana, do 3 ao 6 de xullo, co Resurrection Fest. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto ao presidente da Deputación en funcións e o organizador do evento, Darío Campos e Iván Méndez, presentaron hoxe este festival que espera máis de 100 mil espectadores. O executivo provincial colabora coa súa organización cun total de 150 mil euros mentres que o Concello, pon a disposición do festival o cámping gratuíto en Covas e o Mirador de San Roque.

Campos Conde adiantou que “dende a primeira edición o Goberno Provincial, xunto ao do Concello de Viveiro con Melchor e María, apostamos por este festival e convertemos á Deputación na institución que máis colabora con esta cita. Facémolo cunha achega de 150.000 euros, pois o Resu é capaz de xerar un volume de negocio na nosa provincia de máis de 6,6 millóns de euros e de 8,5 en toda Galicia”.

Pola súa parte, o Concello de Viveiro cede os terreos para a organización do festival e pon a disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas (con servizos de baños, duchas e buses) e o Mirador de San Roque (que tamén conta cunha gran zona de aparcamento). Ademais, este ano, grazas ao acordo de colaboración entre o Concello e o festival, os viveirenses poden participar neste macro evento á metade de prezo, xa que contan co 50% de desconto nas entradas.

Loureiro García, ao igual que o Presidente, lembrou con moito cariño a Melchor Roel “que apostou e impulsou o Resu, facendo posible o que hoxe vemos. Sempre confiou neste festival, que tamén é seu. Hoxe estaría moi orgulloso de ver as dimensións ás que chegou ou a súa repercusión a nivel mundial, poñendo no mapa a Viveiro. Porque o Resu non se entende sen Viveiro e o Concello sen o festival, que forma xa parte da nosa historia”.

Campos Conde subliñou que “isto non é un gasto senón un investimento para a nosa provincia. O Resu ten todo un recoñecemento mundial. É o mellor festival de rock de España e dos mellores de Europa. Atrae a 100.000 persoas de máis de 40 países e xera uns 2.100 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contrátase persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas billeteiras e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis… De feito, os hoteis da Mariña están cheos polo que os efectos do Resu se estenderon á Terra Chá e a Concellos da Coruña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com