A Policía Local de Lugo rescatou no mediodía de onte a un home de 84 anos que caera na beira do Miño e que, segundo indicara telefonicamente ás autoridades, non se podía levantar nin coñecía con exactitude o lugar onde se achaba. Os feitos tiveron lugar en todno ás 12.30 horas cando o home alertaba á Sala de Comunicacións do 092.
Mobilizadas dúas patrullas da Unidade Territorial da Policía de Barrio da Policía Local, rastrexaron a zona até localizar ao home tirado nunha leira cuxa vexetación facía moi difícil a súa visión, prestándolle os primeiros auxilios. A pesar de comprobar que, aparentemente, non sufrira ferida algunha, requiriuse a presenza dunha ambulancia do 061 que o atendeu en lugar, sendo trasladado ao Hotel Balneario onde residía.