308 lucenses déronse de alta na Seguridade Social co convenio para coidadores de dependentes

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que 308 lucenses xa se deron de alta desde o mes de abril na Seguridade Social grazas a unha iniciativa do Executivo de Pedro Sánchez que ofrece aos coidadores non profesionais de persoas dependentes a posibilidade de asinar un convenio especial coa Seguridade Social. Este convenio especial non ten custe ningún para os coidadores non profesionais de persoas que teñen recoñecida unha prestación económica pola súa situación de dependencia, xa que o Estado asume por eles a cotización correspondente.

A subdelegada do Goberno lembrou que ao terminar este mes de xuño, rematará o prazo para que os coidadores que levan tempo en activo poidan acollerse a esta medida con efecto retroactivo. Isabel Rodríguez informara no seu día a todos os alcaldes da provincia da entrada en vigor do Convenio Especial para Coidadores non Profesionais de Persoas Dependentes, así como dos trámites e requisitos para acollerse a estas vantaxes, para garantir que o persoal dos servizos sociais municipais poida informar a todos os posibles beneficiarios.

Desde o 1 de abril, os coidadores non profesionais de beneficiarios da lei de dependencia poden suscribir un convenio especial coa Seguridade Social sen ter que pagar as cotizacións, que correrá a cargo da Administración Xeral do Estado. A principal vantaxe para os coidadores non profesionais, maioritariamente mulleres, é que deste xeito os anos adicados ao coidado da persoa dependente inclúense na súa vida laboral e contribúen a xenerar dereito a prestacións como a de xubilación ou a de incapacidade permanente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com