O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, vén de enviarlle un escrito a Portos de Galicia alertando dunha praga de mosquitos ocasionada polo amoreamento de madeira no peirao de Mirasol.
Na carta, que vai acompañada dun informe da empresa especializada en pragas Sanal Control Medioambiental, o rexedor alude “ás innumerables queixas que se están a recibir por parte de veciños e negocios hostaleiros, principalmente próximos ao porto de Mirasol, aínda que, en menor medida, esta problemática está a detectarse en lugares mais afastados da nosa vila”.
No escrito sinala que “o foco desta praga está no amoreamento de madeira no porto de Mirasol, feito polo cal instáselles a tomar as medidas oportunas ao respecto para acabar con esta praga de mosquitos e as consecuentes molestias que están a ocasionar”.
O informe da empresa de control de pragas recolle que a orixe do problema está na madeira que hai depositada no porto desde hai meses, que sería necesario ou ben tratala ou ben retirala canto antes debido a que co calor o problema se agravará aínda máis. Ese informe de Sanal di que “os hoteis enfróntanse ao comezo de tempada alta con este gran contratempo, xa que non conseguen eliminalos das fiestras das habitacións, aínda limpando e aplicando insecticida todos os días, ou, como ben se pode comprobar nas fotos, tamén teñen incidencias nas comidas, o que provoca unha mala imaxe aos hóspedes”.
Sanal Control Medioambiental asegura ter comprobado que a praga se está a extender a todo o pobo en xeral e que as queixas están indo a máis: “calquera aplicación vai ser inútil se non se elimina o foco”.