25 concelleiros

Ourense e Lugo son concellos similares en poboación e en concelleiros. Por iso causoume sorpresa coñecer como vai ser a organización do concello ourensán nos próximos catro anos, en canto a  dedicacións exclusivas e dotacións.

De 25 concelleiros ourensáns, 15 van ter dedicacións exclusivas. Isto é, renuncian ás súas profesións, se as exerceran, e dedícanse a tempo completo ao concello.

Para que non haxa problemas, a todos os grupos lles toca algo: Ao Bng, que ten dous concelleiros, unha dedicación e un auxiliar. Igual para Ciudadanos, que tamén ten dous concelleiros. Para o Psdeg, que ten 9 concelleiros, haberá tres dedicacións exclusivas, 1 técnico asesor e un auxiliar. E para o goberno municipal, conxunción entre Democracia Ourensá e o PP, con 14 concelleiros, haberá dez dedicacións exclusivas. Á parte créase a figura de Tenente de Alcalde, coa remuneración prevista na normativa vixente, mantense o número de persoal de confianza, e os salarios mantéñense igual pero a asignación por grupo increméntase a 700 euros por grupo máis 700 euros por concelleiro.

Nova coma esta préstase a dous puntos de vista contrapostos. O primeiro, considerar que estamos falando dunha administración que vai precisar quen a administre. E calquera administración precisa dotación para retribuír aos servidores. Que se para calquera empresa privada fai falla persoa ou persoas responsables que a dirixan, unha empresa pública coma un concello, en Ourense ou Lugo por exemplo, fai falla administradores experimentados, formados, responsables, que se dediquen con todo o seu saber e poder ao goberno da cidade.

E entón invade como un raio o noso cerebro ese segundo punto de vista que entende que iso estaría ben se para as listas se escolleran os mellor formados, os máis experimentados e capaces e non os máis amigos, os máis fieis, os menos discrepantes. E un pondera os dous puntos de vista, sabendo que esa dualidade o acompañará sempre..

Que quede claro que todo isto que levo dito está referido a Ourense. Que Lugo non ten nada que ver no tema. Ata que nos conten, se nos contan, como se organizan aquí.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com