A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou hoxe a 19 edición do “Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo”. Ferreiro explicou que se trata dunha cita consolidade e referente para moitas persoas que, dende toda Galiza e o resto do estado, se achegan a Lugo para participar cada ano sinalou.
O Certame celebrarase o domingo 14 de xullo a partir das 9:00 e os traballados premiado serán coñecidos ás 18:00 horas do mesmo día. As persoas participantes presentaranse entre as 9:00 e as 11:00 horas no Departamento de Cultura do Concello de Lugo para iniciar o concurso e o tempo máximo para a presentación das obras rematadas será o mesmo domingo ás 17:00 horas. Despois da deliberación do xurado, ás 18:00 horas daranse a coñecer as obras premiadas.
As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Concello de Lugo que completará así, unha importante colección de arte que se vai configurando ao longo dos anos coa celebración deste Certame. Os premios do Certame suman un total de 5.500 euros que se repartirán en 8 categorías. O primeiro premio recibirá diploma e 1.600 euros, o segundo premio: diploma e 1.100 €, o terceiro premio: diploma e 900 €. Tamén haberá cinco accésits de 300 euros e diploma e un premio especial de 450€ e diploma para a mellor artista local.