Hai moitos anos, poñamos que a comezo dos anos sesenta, había en Vilalba –como en moitos outros lugares- unhas capelas relixiosas itinerantes, que os veciños nos encargábamos de trasladar ao seguinte domicilio, de xeito que cada trinta días as nosas casas recibían a visita destas capelas para fomentar a piedade e a oración, e para recoller algunha que outra esmola na caixa que tiñan pola parte inferior.
Cabe supoñer que foi a parroquia vilalbesa a que se encargou en tempo do que non se garda memoria, de facer estas capeliñas de madeira, coa parte superior traballada con esmero, que no seu interior acollían imaxes da Sagrada Familia, da Virxe de Fátima, de San Antonio de Padua… do santo da devoción de cada casa, que durante un día convivía coa familia.
Á miña casa da Porta de Cima, chegaba a mediados de mes. Non lembro quen a traía, pois supoño que moitas veces non estaba eu na casa; si recordo a onde a levábamos, que diso encargábame eu desde que era capaz de levar a capeliña sen perigo de rompela. Levábao á casa do señor Tomás da Xaneira, polo que dada a distancia cabe supor que eran varias capelas as que circulaban pola Porta de Cima en descentralizada promoción da fe na que seguro don Adolfo Pato tiña papel preponderante.
Ao virme de Vilalba, deixei de participar no sistema, e algunhas veces teño pensado que seria daquelas capelas piadosas das que nunca volvín oír falar, ata precisamente hai un tempo que foi noticia que na igrexa de Vilalba apareceron catorce capelas portátiles que estaban arrumbadas nalgún lugar das sancristías da igrexa, e que ao facer obras ou limpeza volveron á vida.
Na sancristía da dereita, visto desde os fieis, os rapaces recibíamos catecismo de don Felix Marín profesor de debuxo na Academia, e de temas xerais nas escolas do Campo da Feira. E recordo que daquela era a única que tiña utilidade habitual, tanto polos cregos como polos catecúmenos que nos apousentabamos nun longo sofá de terciopelo vermello. Pois boa sorte foi a de que nalgún lugar das sancristías non houbese actividade para que chegasen ata agora esas capelas portátiles, en tempo habituais nas casas, e agora históricos obxectos proba de fe carbonaria, que nos permite lembrar aqueles tempos nos que empezábamos a vivir.