A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) mantén aberto o prazo de inscrición para participar na décimo quinta edición do Concurso de Tapas de Lugo, patrocinado polo Concello de Lugo, que terá lugar no mes de setembro. Neste senso, o tempo para realizar as devanditas inscricións remata o vindeiro martes 16 de xullo.
Poden concursar todos os establecementos de hostalería do Concello de Lugo que estean inscritos no Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).
Para facer efectiva esta inscrición deben presentar a documentación requirida –ficha de inscrición, fotocopia do ingreso da cota de inscrición, ficha técnica da tapa e fotografía da tapa– nas oficinas da Asociación, na rúa Ramón Montenegro 15, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou a través do correo electrónico comunicacion@apehl.org.