Un home resultou ferido de gravidade despois de colidir a furgoneta que conducía contra un camión (de transporte de leite) cando circulaban pla LU-P 1002, en A Grade, na localidade de Chantada.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, pasados dez minutos das 14:00 horas deste mediodía, a través da chamada dun familiar dun dos implicados. Indicaba que había persoas atrapadas.
Así, de inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Chantada, aos axentes de Tráfico e da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Tras a valoración da gravidade, os profesionais sanitarios comunicaron ao 112 Galicia que tamén o helicóptero medicalizado con base en Ourense se desprazaba ata o lugar.
Unha vez no lugar, os Bombeiros, tras unha laboriosa tarefa, liberaron ao ferido que quedara atrapado no interior do vehículo para, posteriormente, ser trasladado na aeronave ata o centro hospitalario de referencia.
A petición dos axentes, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención do persoal do servizo de limpeza e mantemento da vía.