Hai algún tempo, non moito, alguén que dicía estimarme, e matizo o de “dicía” porque as veces as cousas non son o que semellan ser, e o mesmo sucede cos afectos, pero esa sería outra historia que tal vez outro día conte, cando lle falaba da frustración que nalgúns momentos non podo evitar sentir nesa loita que tento levar adiante, xunto cos meus compañeiros de Si, hai saída, contra a violencia de xénero, pediume que, pasara o que pasara, non deixara de facer o que, na súa opinión, fago mellor: transmitir.
Teño plenamente asumido que son unha persoa moi visceral, sentimento puro, o cal non sempre é bo, supoño, e me leva, ademais, a, cando algo me move por dentro, facelo chegar, ou tentalo, polo menos, de xeito auténtico, vivindo todas e cada unha das verbas, das sensacións que comunico na miña pel, algo que se fai evidente, e que a miúdo non gusta, porque case sempre vai en clara contraposición con esa “corrección política” que, acompañada duns mais que escandalosamente evidentes intereses, rexen a nosa sociedade, ou, mellor dito, a sociedade desa “xente de ben”, na que claramente non encaixo.
Non me arrepinto, para que vou mentir, pero, co paso do tempo, teño que ser honesta e admitir que hai uns cantos sentimentos que me rompen por dentro, e que, en contra do que esa persoa opina, non son quen de transmitir, pese a que latexan en min, e fan que as veces me falte mesmo o aire.
Non son quen de transmitir, por exemplo, o desprezable que é, na miña opinión, utilizar a violencia de xénero, a dor que implica, as súas vítimas, como moeda de cambio para escalar chanzos políticos, profesionais, etc, sen pudor algún, e que, aínda por riba, proliferen os “acólitos” que aplauden, a ver se así cae algo, porque, xa se sabe, “o que a boa árbore se arrima…….”.
Tampouco son quen, polo que semella, de que cale esa mensaxe de que moitos deses irreprochables profesionais de brillante currículo e brunidos galóns non deberían achegarse as vítimas de violencia de xénero que tentan desesperadamente, e facendo un esforzo que moi poucos poden nin sequera imaxinar, saír do seu inferno, baixo ningún concepto, porque entre os seus numerosos méritos, que non vou cuestionar agora, non se atopan, nin de lonxe, a sensibilidade nin a empatía mais elementais.
Máis difícil aínda, cando non totalmente imposible, me resulta transmitirlles a esas mulleres que están a perder a súa vida pouco a pouco, día a día, que non poden permitir que as traten coma se elas foran as culpables da súa desgraza, nin as responsables da súa protección, da dos seus fillos, e, porén, da súa supervivencia.
Tampouco me resulta doado comunicar que non podo coas falsas lentes violetas, e fago especial fincapé no de falsas, porque as verdadeiras, afortunadamente, existen, que dous días cada ano, ou cando a desgraza dalgunha muller llo pon en bandexa, utilizan a dor para alimentar o seu ego, facerse ver, e, de paso, tentar facer algo de caixa, porque ser antisistema de boca para fora é unha cousa, pero parvas, outra moi distinta, e hai que vivir….o mellor posible, ademais, e, se ten que ser ese deostado sistema o que pague, que se lle vai facer!.
Esas falsas lentes violetas que non dubidan en apoiar as grandes causas, as que teñen sona, pero ignoran sistematicamente o sufrimento que teñen ao seu carón.
De novo o digo, non podo con elas.
E se hai algo que está claro que, o diga como o diga, o exprese no ton que o exprese, non se comprende, ou non se quere comprender, é que ninguén ten por que preocuparse, porque, nin o colectivo do que formo parte, nin eu a título persoal, temos o menor interese en arrebatarlles os seus tesouros, nin o seu estatus.
Moitas foron as ocasións nas que se nos amosou o caramelo, e outras tantas decidimos comezar o noso camiño do xeito que o comezamos, cunha única prioridade, traballar arreo para que as vítimas da violencia machista, aos seus fillos, se lles trate como merecen, se lles protexa do xeito ao que teñen todo o dereito, e se lles devolva esa vida digna e sen medo que lles arrebataron e que, nalgúns casos, semella ser case imposible recuperar.
As prebendas, o ouropel, nin son para nós, nin os ambicionamos. Tranquilidade.
Pero tampouco iso se entende, seica.
Supoño que gustaríamos mais ficando caladiños e dando por bo o que practicamente todo o mundo acepta, pero que, a vista está, non da resultado.
O resumo de todo isto?.
Son a primeira que lamento non poder darlle a razón a esa persoa a que aludía ao comezo, polo menos ao cen por cen.
É obvio que non se me da tan ben transmitir, cando non consigo que nada mude, e tantos queren verme calada.
Gustaríame que a realidade fora outra, pero as cousas son como son.
Iso si, tampouco nos enganemos, tentar cambiarme, a estas alturas, é algo complicado, e que, francamente, non contemplo en absoluto.
Asumir os erros, si, engadirme a mentira…iso nunca!.
Marta Rodríguez Engroba