José Tomé do PSdeG-PSOE, que será Presidente e Maite Ferreiro do BNG, que ocupará o cargo de Vicepresidenta, veñen de asinar un acordo para gobernar a Deputación de Lugo nos vindeiros catro anos: As liñas xerais recóllense nun documento, no que a asistencia, cooperación e colaboración cos concellos reafírmase como a competencia nuclear da Deputación, presidida polo mutuo recoñecemento entre iguais, garantindo que a autonomía municipal sexa realmente efectiva. Segundo os asinantes “apostaremos por impulsar a maior transferencia de recursos económicos posibles aos concellos respectando as singularidades que lles son propias. Todo isto enmarcado dentro dun sistema racional e eficiente que procure prestar en rede os mellores servizos á cidadanía a un menor custe”.
“Un eixo fundamental de traballo será a procura do adelgazamento das deputacións, emprazando a Xunta a iniciar e comprometerse en procesos sobre o traspaso de infraestruturas, equipamentos, centros e servizos que deban ser transferidos á comunidade autónoma”. Isto, segundo os asinantes “farase respectando en todo momento os dereitos laborais das traballadoras e traballadores dos centros e servizos que resultaran afectados”.
O acordo de goberno, “alén de servir para poñer en valor a cultura do diálogo e do consenso na vida pública, baséase en posibles políticas que primen o aspecto transformador destas sobre a realidade social, destacando o aspecto ético na xestión do público, garantindo a participación da sociedade civil na práctica do goberno e dando resposta eficaz ás diferentes problemáticas da cidadanía”.
Socialistas e nacionalistas apostan por “un goberno na Deputación de Lugo que dea resposta a novos retos orientados ás necesidades das maiorías sociais”.
O compromiso dos asinantes será:
Afianzar o principio de cooperación interinstitucional co obxectivo de garantir a prestación dun mínimo de servizos públicos comúns homoxéneos en toda a provincia, e de realizar un aproveitamento e administración máis eficaz dos recursos públicos.
Garantir os principios da ética e a transparencia na gobernación pública da institución provincial.
Aplicar a normativa do uso lingua galega e mellorar os recursos existentes para desenvolver unha verdadeira política de Normalización lingüística, utilizando o galego en toda a documentación interna e externa e facendo uso da nosa lingua todas as persoas que exerzan cargos públicos cando representen á institución.
Garantir o uso da linguaxe inclusiva na documentación xerada na institución.
Estudar o impacto de xénero en todas as accións que se realicen, impulsando aquelas medidas que se consideren prioritarias do Plan de Acción das Políticas de Igualdade.
Estudar e apostar por medidas de concienciación medioambiental que conxuguen a aposta pola xestión e o desenvolvemento do territorio e o respecto polo mantemento e singularidade deste.
Impulsar a aplicación da Lei da Memoria Histórica e fomentar as accións para o seu coñecemento
Apostas como a anterior garantirán a presenza das persoas no seu territorio contribuíndo ao asentamento da poboación e con iso freando o despoboamento que afecta ao noso rural.
Compromisos programáticos e medidas a curto prazo
Crear dunha vicepresidencia única que manteña as competencias recollidas no Regulamento Orgánico e na lexislación vixente.
Mellorar a celeridade das accións administrativas coa delegación de sinatura para todas as áreas.
Mellorar os trámites internos mediante a adaptación do Regulamento Orgánico.
Transferir á Xunta aquelas competencias que lle son impropias ao ente provincial para o cumprimento dos seus fins
Limitar a partir do ano 2020, a 5% máximo do orzamento inicial as cantidades dedicadas a subvencións excepcionais, xustificando en todo caso o interese xeral
Incrementar significativamente a porcentaxe dedicada ao Plan Único para os Concellos, para acadar ao término do mandato o 25% de incremento sobre o destinado no ano 2019. Isto farase sempre e cando non se reduza o orzamento da Deputación; ademais incrementaranse ao Plan Único, ata chegar a esa porcentaxe, os recursos liberados das transferencias á Xunta das competencias impropias.
Traballar para disolver coa máxima celeridade a Sociedade Pública Mercantil, SUPLUSA
Dado que a Deputación se ve obrigada a soster a rede provincial de estradas máis ampla do Estado, é imprescindible completar o proceso de transferencias coa Xunta de Galicia e os concellos, regulando as casuísticas obsoletas e actualizando a titularidade das Administracións sobre as estradas na provincia.
O Goberno provincial instará as Administracións competentes a completar o mapa de estradas e camiños de ferro que garantan a mobilidade provincial presente e futura.
Manter a colaboración co Campus Universitario de Lugo, co-financiando diferentes programas. Soster liñas de colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia nos centros de Lugo, Monforte, Viveiro e Foz.
Apoiar o sector agropecuario para incrementar a súa produtividade e beneficio, establecendo redes de servizos que diminúan os custes e melloren a calidade de vida, garantindo a súa permanencia no rural.
Continuar apoiando o tecido asociativo provincial -baixo criterios obxectivos, transparentes e democráticos apostando polas subvencións en réxime de concorrencia competitiva, con fin de que sigan a desenvolver unha programación propia que poña en valor os seus recursos.
Promover e facer rendibles os recursos turísticos, patrimoniais e históricos coordinando os sectores público-privado mediante o Plan de Turismo Provincial existente.
Implementar novos mecanismos que faciliten a participación da cidadanía na vida pública, achegando a institución á sociedade.
Os socialistas faranse cargo das seguintes competencias: Promocion Económica e Social, Innovacion e Tics, Participacion Cidadá e Transparencia, Ensino, Economia do Coñecemento, Igualdade, Xestion Territorial e Parque Mobil, Goberno Interior, Asuntos Xerais e Formación, Economia, Recadacion, Facenda e Especial de Contas, Promocion do Territorio e Turismo, Cooperación e Asistencia aos Concellos, Medio Ambiente (inclúe a Granxa-Centro de Recría Gayoso Castro e a finca de Tor).
Os nacionalistas: Deportes, Cultura, Patrimonio Histórico e Artístico (Rede Museística Provincial), Artesanía e Deseño (Centrad), Normalización Lingüística, Medio Rural e do Mar e Mocidade.
Xul 18, 2019 - 06:25 PM
Deputacion
Xul 17, 2019 - 09:53 PM
Un clon do concello de Lugo
Xul 17, 2019 - 09:05 PM
E DÁRIO,CAMPOS,
XA SE VERÁ O GOLPE DE ESTADO,
Xul 17, 2019 - 09:26 PM
Antonio Castro debería haber mirado a quen se xuntaba.
Sintoo por él.