A portavoz municipal de Ciudadanos en Lugo, Olga Louzao, esixe ao tenente alcalde, Rubén Arroxo, que convoque a Mesa do Transporte Público “que antes reclamaba con insistencia cando estaba na oposición” para definir as novas liñas de transporte público.
Nunha proposición que se debaterá o día 29, no Pleno correspondente a este mes de xullo, Olga Louzao indica que “o bus en Lugo non funciona, estase incumprindo o contrato asinado no ano 2016 coa empresa concesionaria pagando millóns de euros en facturas con reparo de legalidade“, polo que considera “unha prioridade” resolver “o problema do transporte público en Lugo porque sen iso ningunha medida que se adopte en materia de mobilidade dará resultado”.
“Rubén Arroxo insistía machaconamente nesta idea cando estaba na oposición e agora é el o responsable de solucionalo”, lembra Olga Louzao, que lle reclama “que faga o que el mesmo pedía e convoque a Mesa do Transporte Público para que as novas liñas estean en servizo á volta das vacacións no mes de setembro“.
Un bus eléctrico circular arredor da Ronda e microbuses á carta ás parroquias
Entre as medidas que propón Ciudadanos para mellorar o transporte público está introducir un bus eléctrico arredor da Ronda que sirva de intercambiador para o resto de liñas e un sistema radial de microbuses ás parroquias.
Tamén é necesario, opina Olga Louzao, modificar as 17 liñas actuais do transporte público, para que non teñan que pasar os buses urbanos de case todas elas pola Ronda como acontece na actualidade, establecendo “un bus eléctrico circular na Ronda a modo de intercambiador das distintas liñas”, propón Ciudadanos.
Este bus eléctrico faría as funcións de intercambiador para o resto de liñas, que desta maneira non se verían obrigadas a circular pola Ronda e reducirían a distancia que percorren, gañando deste xeito en puntualidade, argumenta Olga Louzao, que lembra que o Plan de Mobilidade encargado polo Concello de Lugo no ano 2009 á Axencia de Mobilidade Urbana de Barcelona xa apostaba por esta solución.
Xul 20, 2019 - 12:08 AM
Que non vos tocou propoñer…