Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, queremos expresar a nosa mais enérxica condena ante o crime machista cometido en Vilalba, no que, unha vez mais, unha muller foi asasinada pola súa ex parella.
Así mesmo, e sempre desde a prudencia, xa que descoñecemos as circunstancias exactas desta tráxica noticia, pero facéndonos eco do recollido por algúns medios de comunicación que informaban da existencia dunha orde de afastamento do presunto asasino respecto a súa ex parella, unha vez mais
alertamos sobre a mais que alarmante evidencia de que algo non está a funcionar do xeito correcto, cos letais e irreparables resultados que, por desgraza, coñecemos cada vez mais a míudo.
Se algo constatamos de primeira man na nosa asociación son os numerosos quebrantamentos das ordes de afastamento que se producen, como tamén temos constancia de que non sempre son atendidos nin moito menos castigados como sería correcto, ou, mellor dito, obrigado, algo que desde o noso
colectivo manifestamos reiteradamente, e que expón as vítimas de violencia de xénero que, despois dun enorme esforzo, non sempre comprendido, deciden pedir axuda e denunciar aos seus maltratadores, a un perigo ainda maior do que xa corrían, xa que o agresor denunciado e libre é dobremente agresivo, o que fai que tantas vidas de mulleres e mesmo en ocasións de menores, sexan brutalmente segadas.
Un so minuto que se baixe a garda, abonda para que un asasinato machista sexa cometido, e nin todos os minutos de silencio do mundo, nin as concentracións devolven a vida as mulleres asasinadas, nin evitan que os potenciais asasinos actúen.
Por outra banda, rogamos encarecidamente que, dunha vez por todas, a loita contra a violencia machista sexa conxunta, que todos os que intervimos, dun ou outro xeito nela, o fagamos na mesma dirección, e se esquezan as mal entendidas competencias que non proceden en absoluto, e non fan mais que redundar no perxuizo das vítimas.
Pregamos que se deixe de facer utilización política de tanta dor, como está a acontecer na nosa cidade no que atinxe ao peche do Punto de Encontro durante dúas semanas do mes de Agosto, así como as posibles eivas no funcionamento da Casa da Muller, situacións ambas que veñen sendo denunciadas por Si, hai saída desde hai moito tempo, e ao que sempre se fixo caso omiso, ata agora, que semella ser un problema
novo, ademais dunha arma arroxadiza entre formacións políticas.
De novo, desde Si, hai saída manifestamos a nosa disposición para colaborar e prestar todo o noso apoio en todo canto, dentro dos nosos escasos recursos, estea nas nosas mans, e, unha vez mais lembramos o noso traballo directo, e de primeira man con vítimas de violencia de xénero, o cal nos permite coñecer de primeira man moitos aspectos da súa problemática, da súa realidade, que, doutro xeito, poden chegar a pasar desapercibidos, ainda sendo fundamentais para prestarlles a axuda que precisan.
A loita contra este tremendo feminicidio non pode ser utilizada como un xeito de medrar social, política ou profesionalmente, o que non é se non un xeito mais de maltratar.
Desde Si, hai saída non nos cansaremos de repetilo: Estamos a falar de vidas.
Asociación Si, hai saída.