Un incendio declarado a pasada noite no interior dunha nave en Sarria afectou a unha máquina industrial, que quedou totalmente calcinada. Segundo os datos facilitados dende o 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida nin afectada.
Os feitos sucederon no Polígono de San Xulián da Veiga, ao fío das 5:20 horas.
Foi unha persoa particular quen alertou do incendio ao 112 Galicia. Acto seguido, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención dos Bombeiros de Sarria, da Garda Civil e alertaron por precaución ao 061-Urxencias Sanitarias.
Unha vez na nave, os servizos de emerxencia desprazados atallaron o lume, que quedou sufocado preto das 6:00 horas. A partir de aí, as forzas da orde tratan de esclarecer as causas que provocaron o incendio.