A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle este serán, a partir das 20:30 horas, a inauguración da exposición ‘A ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia’, que chega a vila ribadense despois de ter pasado xa por Lugo e A Pobra do Brollón. No acto de inauguración estarán presentes a concelleira de Cultura de Ribadeo, Luz Álvarez Lastra; a presidenta da Asociación Cultural Francisco Lanza, Dores Fernández Abel; e os dous comisarios da mostra, Antón Grande e Antón Somoza, que serán os encargados de levar a cabo a presentación da mesma.
Esta exposición, unha das maiores organizadas sobre a represión franquista ata o de agora en Galicia e que afonda no xeito en como se levou a cabo a resistencia ao réxime no noso país durante catro décadas, permanecerá ata o vindeiro 30 de abril na Oficina de Turismo de Ribadeo. Baixo o título ‘A ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia’, esta exposición conta con abundante documentación e obxectos doados por diferentes asociacións e particulares.
Na mostra poderanse ver as ferramentas de tallado da madeira e a caixa que enviou desde o cárcere o albanel monfortino Eusebio Cuesta, os selos que empregaba o guerrilleiro José Castro Veiga, O Piloto, un bandeirín de Radio España Independiente (‘Pirenaica’), varias multicopistas coas que se elaboraba a propaganda clandestina ou unha carteira de dobre fondo.
Un dos comisarios da exposición, Antonio Somoza, manifestou que a exposición dividese en tres bloques. “No bloque inicial vaise analizar a represión franquista, dende os primeiros mortos nas cunetas ata as causas militares, os fuxidos e as persoas que se ocultaban nas paredes da súa casa e eran coñecidas como toupas”, afirmou. Somoza fixo referencia a “un caso paradigmático na nosa provincia, o do militante da CNT Manolo Becerra, que traballaba nas minas de Ponferrada e que se ocultou na súa casa das Nogais durante os 40 anos de franquismo”, destacou.
Outro bloque importante estará dedicado á “guerrilla e a actividade clandestina das organizacións antifranquistas, sometidas á represión do réxime. Xa existían nos anos 40 e 50, pero fixéronse sobre todo máis presentes a partir dos anos 60. Imos ter documentacións de todas esas organizacións e información sobre os feitos relacionados con toda esa loita antifranquista”, comentou.
En terceiro lugar, Somoza sinalou que “hai un espazo dedicado aos recursos multimedia na medida de que somos coñecedores de que hai moitos documentais e algunha película de época como a que nos cedeu Carlos Portomeñe, que se editara en Cuba, sobre o asasinato de Gayoso e Seoane, dirixentes do Partido Comunista e da guerrilla no ano 48 e que foron sentenciados a pena de morte”.
Antón Somoza quixo agradecer a cesión de documentación e obxectos. “A exposición non sería posible sen a cesión e colaboración de distintas entidades e partidarios que nos cederon documentos e outras que nos deixaron fotocopiar os orixinais. Entre elas están a Fundación 10 de marzo, a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, a Fundación Penzol de Vigo e o Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces. E logo tamén persoas a título individual como Carlos Portomeñe, Carlos Dafonte, o propio comisario Antón Grande, Javier Rivera, Santos Costa e Manuel Costa”, concluíu.
Proxección de dous documentais
A maiores da mostra, durante estes días, a Casa das Letras e o Teatro de Ribadeo acollerán varias proxeccións de documentais e conferencias relacionadas con estes 40 anos de represión da ditadura e loita antifranquista, que estarán abertos a todo o público e cuxa entrada será totalmente gratuíta.
Mañá, a partir das 20:30 horas na Casa das Letras, emitirase o documental ‘A volta dos nove’, de Antonio Caeiro, que tamén participará no visionado do mesmo e nunha posterior táboa-redonda. O documental narra o asasinato a mans de falanxistas de nove veciños do Val Miñor durante o 16 de outubro do ano 1936. Este exercicio de represión foi parte dunha vinganza pola morte dun falanxista durante o asalto á casa dos irmáns republicanos López Luis, coñecidos coma Os Ineses. Eles e a muller que coidaba da casa, Dolores Samuelle, tamén foron asasinados. Horas despois deste feito, defensores do golpe de estado sacaron a nove homes da prisión habilitada no Frontón de Vigo, onde se amoreaban centos de persoas afíns á democracia e á República, e leváronos ás aforas de Baiona, a 18 quilómetros do cárcere e moi preto das súas casas e das súas familias, para executalos de madrugada. Este salvaxe asasinato múltiple produciuse na estrada que vai de Baiona á Guarda, concretamente na curva da Bombardeira, en Baredo, que dende aquel momento foi coñecida como ‘a volta dos nove’. A partir dese día, todas as mañás aparecían nove cruces na terra desa volta, sen que as autoridades franquistas conseguiran dar durante case os 40 anos de réxime cos autores desas marcas, que eran borradas todas as xornadas e volvían aparecer horas despois.
O venres seguinte, día 17, o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, ofrecerá a súa visión sobre os ‘Inicios da III Agrupación na Mariña’. Sete días máis tarde, o 24 de abril, o investigador Arturo Mogo falará sobre ‘A guerrilla na zona do Valadouro’. Estas dúas conferencias arrincarán ás 20:30 horas na Casa das Letras.
O peche da exposición en Ribadeo terá lugar o xoves 30 de abril coa proxección do documental ‘O Piloto’, que dará comezo ás 20:30 horas no Teatro. ‘O Piloto’, documental realizado por Afonso Eiré e Xosé Reigosa –este último achegarase a Ribadeo para afondar na figura do Piloto- narra a vida de José Castro Veiga, o último guerrilleiro morto en combate, no ano 1965 concretamente, en todo o estado español.