O vindeiro mércores 24 de xullo terá lugar a primeira das actuacións artísticas do ciclo Experimenta que promove o Goberno da Deputación, en colaboración co grupo Tele-Clube de Lugo. A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá, ás 20:30 horas, a perfomance Púlsar, que ofrecerán o coreógrafo e bailarín coruñés Javier Martín e o percusionista lucense Luis Casanova. Trátase dun espectáculo de improvisación a nivel de música e movemento que combina batería e danza.
O Ciclo Experimenta continuará o xoves 25 de xullo, ás 20:30 horas, con outro espectáculo de música electrónica e audiovisuais da man de María Mieres e Nacho Iglesias do grupo San Jerónimo. Presentarán o seu disco El Sur, esta proposta artística tamén misturará retazos poéticos dunha poeta lucense.
Esta novidosa iniciativa cultural rematará o venres 26, nos xardíns da Deputación, coa actuación, ás 20:30, de Elle Belga (Slowcore), do que forman parte Fany Álvarez e José Luis García, unha combinación de murmurio, guitarras acústicas e percusión. O seu último proxecto, Refuxio, feito a base rítmica e a melodía, segue sendo o alicerce da súa composición.
Con este pioneiro programa cultural, a Deputación contribúe a sumar novas ofertas culturais á cidade, a través de propostas que quedan fora do circuíto actual pola singularidade das pezas ou polas novidades que conlevan.
Un dos obxectivos do ciclo Experimenta é dinamizar a relación entre as persoas a través do encontro entre as diferentes artes impulsando a participación social. Esta iniciativa nace a través do grupo lucense Tele-Clube, unha asociación que pretende revitalizar os barrios e zonas periféricas a través de actuacións musicais e outras actividades culturais.