Un total de 11 centros incorporaranse o vindeiro curso ao proxecto de libro dixital E-Dixgal

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución definitiva da convocatoria para a selección de centros para sumarse ao proxecto de libro dixital (E-Dixgal) no curso 2019/20, segundo a que se sumarán a este programa un total de 80 centros, dos que 11 pertencen á provincia de Lugo.

O proxecto E-Dixgal, impulsado pola Consellería e a Amtega, púxose en marcha no curso 2014/2015 cun total de 84 centros educativos e 2.300 alumnas e alumnos na etapa de educación primaria en toda Galicia. Coas novas incorporacións, o E-Dixgal chegará o vindeiro curso a 347 centros de ensino e a 27.000 alumnas e alumnos.

Cómpre lembrar que a iniciativa vai dirixida aos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos que impartan o próximo curso ensinanzas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas (con EDI, proxector, equipo no posto do docente e conexión á rede de datos do centro).

Os centros de primaria que se incorporen impartirán a totalidade das materias en modalidade dixital; mentres que os de secundaria farano en polo menos 6 materias. Ademais, deberán asumir o compromiso de implantar esta modalidade no curso 2019/20 en 5º de educación primaria e/ou 1º da ESO, e de estendela a 6º de primaria e/ou 2º da ESO no 2020/21, mantendo nos cursos seguintes o proxecto educativo dixital neste niveis.

Os centros adscritos a este proxecto disporán da conexión á rede axeitada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula, así como para o profesorado e alumnado (cun PC á súa disposición que poden usar tanto en modo portátil como en modo tableta); e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta. Así mesmo, terán acceso aos máis de 3.300 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio. Ademais, desde o curso pasado, tanto alumnado, como familias e profesorado usuario do proxecto E-Dixgal, teñen á súa disposición un Servizo Premium de Atención, Soporte e Acompañamento.

A relación de centros que se suman ao proxecto pódese consultar no portal educativo. 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com