Dando continuación ás distintas accións reivindicativas desenvolvidas durante as últimas semanas, unha serie de colectivos entre os que se contan a Asociación Socio-Cultural do Iribio, ADEGA, EQUO, a Plataforma para a Defensa Animal e da Natureza e a Plataforma pola Convivencia Ética coa Fauna Salvaxe CON-ÉTICA, organizan para este vindeiro domingo día 28 un roteiro reivindicativo pola Serra do Oribio (ou Iribio, na súa denominación tradicional), entre os concellos de Triacastela e Samos.
A andaina a pé, que partirá desde alto do Couso de Queixadoiro, no límite entre os concellos de Triacastela e Pedrafita, busca dar a coñecer os valores ambientais, paisaxísticos e histórico-patrimoniais que durante séculos gardaron estes montes e alertar da grave ameaza que supón para a súa conservación o parque eólico que alí proxecta construír a empresa Fergo Galicia Vento .
Seguirase, para iso, o trazado marcado polo antigo Camiño Real de Vilafranca do Bierzo a Monforte de Lemos, hoxe xa parcialmente desfeito polas recentes obras dos accesos ao parque proxectado, para descubrir medorras, neveiros ou antigas ventas e portádegos, lugares de dereito de paso que testemuñan a importancia histórica desta serra como verdadeira porta de entrada a Galicia.
Previamente ao inicio da andaina no alto do Couso, o punto de encontro será ás 11 da mañá diante da Casa do Concello de Triacastela. Unha vez finalizada a andaina, que en case todo o seu percorrido será de baixa dificultade, regresarase ao punto inicial do roteiro para compartir xantar e rematar cunha pequena foliada aberta.