Esta mañá tivo lugar a primeira xuntanza da Mesa do Transporte Público. Nesta xuntanza, na que participaron representantes de todos os grupos municipais, analizouse a proposta de novas liñas que fixo a empresa concesionaria.
Esta nova proposta, incrementa as liñas nun 19%, ademais de reforzar as conexións co polígono das Gándaras e mellorar as frecuencias das conexións norte – sur e do HULA. Segundo Arroxo, “esta proposta, cunhas pequenas modificacións, cumprirá coa visión do transporte público que temos dende a área de Mobilidade, e agardamos ter un consenso co resto de grupos nas próximas xuntanzas”.
Dende a área de Mobilidade cumpriuse co compromiso de convocar esta mesa durante o primeiro mes do goberno, segundo Rubén Arroxo, “debe ser a primeira vez que se cumpre un acordo plenario antes de que chegue ao pleno”. Rubén Arroxo indicou que “apostamos por unha transformación importante no servizo co fin de conseguir reducir o tráfico en Lugo e unha mobilidade máis sostible”.
Estas xuntanzas continuarán unha vez se acorden as liñas do transporte público.