Pleno da Deputación para disolver SUPLUSA

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou este mércores a súa decisión de convocar un Pleno extraordinario para a disolución de SUPLUSA. Tan só 8 días despois de acadar un acordo unánime na sesión plenaria de organización e 20 da súa investidura, o Presidente toma a iniciativa e arranca o procedemento que desembocará na desaparición da Sociedade Urbanística Provincial, cumprindo así co recollido no pacto de Goberno.

Ademais, con esta decisión, “o Presidente dá un novo paso, neste caso determinante, para cumprir coa prioridade que marcou na investidura: devolver a tranquilidade e a normalidade institucional á Deputación, pois, se ben SUPLUSA foi no seu momento unha entidade útil para a provincia, quedou desvirtuada polas disfuncións producidas nos últimos anos. De feito, a Deputación retiroulle a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a día de hoxe a súa existencia carece de sentido”.

En canto aos actuais traballadores e traballadoras da sociedade mercantil, tal e como subliñou o Presidente, a Corporación ten a vontade de garantir os seus dereitos laborais, para o cal se solicitarán os informes técnicos pertinentes.

Procedemento

O procedemento para disolver a Sociedade Urbanística Provincial arranca co Pleno extraordinario anunciado hoxe por José Tomé, que se celebrará a principios de setembro, e consta de tres fases: a de disolución –que se abre agora-, a de liquidación e a de extinción definitiva da entidade e da súa personalidade xurídica. Todas elas realizaranse segundo as indicacións técnicas dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación.

Co fin de que haxa sintonía na Corporación en canto á propia disolución de SUPLUSA e ás decisións a adoptar para conseguilo, hoxe mesmo deputados e deputadas dos tres grupos políticos provinciais –PSOE, BNG e PP- asinaron unha solicitude de convocatoria da Xunta Xeral Extraordinaria do ente mercantil para o día 12 de setembro cunha orde do día consensuada que inclúe: acordar a disolución da sociedade e a súa entrada en liquidación, así como o desistimento das accións xudiciais interpostas mutuamente (sociedade-Deputación); establecer un período de liquidación de 24 meses, que poderá ser ampliado mediante petición motivada; cesar a todas as persoas administradoras e órganos da sociedade (secretaría, intervención, tesouraría, xerencia e dirección técnica); e designar as persoas que exercerán o cargo de liquidadores da sociedade (os deputados Pilar García Porto, Mónica Freire Rancaño e José Antonio García López).

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com