O Presidente de Deputación, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, acompañados doutras autoridades, participaron este domingo no auditorio da localidade chantadina na entrega de premios da 46ª Subida a Chantada, organizada pola Escudería Chantada. Neste evento automobilístico, co que a Deputación colabora cunha achega económica de 9.000 euros, participaron máis de 100 pilotos durante toda a fin de semana.
Tomé Roca felicitou aos premiados e sinalou que “tanto os participantes, como os organizadores, conseguiron un ano máis, facer desta cita un referente no panorama nacional dos deportes de motor”, pois esta unha proba puntuable para o Campionato de España de Montaña e na que participaron algúns dos mellores pilotos en activo”.
O percorrido da 46ª Subida a Chantada disputouse pola estrada LU-533 de Lalín-A Gudiña, na que os participantes enfrontáronse aos 4,1 quilómetros deste treito cunha pendente media do 7,5%, ata a confluencia coa estrada Chantada-Monforte de Lemos, onde comezou a parte máis rápida do percorrido, na que algúns pilotos chegaron a rozar os 200km/h.
Nesta liña, o Presidente puxo en valor a importancia desta cita deportiva pois “ao longo de todo o fin de semana, tivemos o pracer de acoller a preto de 10.000 persoas entre público, pilotos e acompañantes, que se achegaron a desfrutar da nosa provincia e da Ribeira Sacra, un dos grandes reclamos turísticos que temos e que agardamos que a Unesco a declare Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade”.