Sae un esqueleto practicamente completo en moi bo estado de conservación na escavación no Castro de San Lourenzo, Cereixa (A Pobra do Brollón).
‘A lei de Murphy é implacable. Levabamos case un mes de campaña. Pero é sempre nos últimos días dunha campaña cando sae o máis espectacular’, declara Xurxo Ayán, director arqueolóxico e investigador do Instituto de História Contemporânea da Universidade de Lisboa. Baixo a dirección de Ayán, o equipo de tres arqueólogos, unha antropóloga e 14 voluntarios do campo de traballo estaba a escavar unha igrexa e necrópole medievais no recinto do castro. No lado norte dos restos da igrexa medieval estaba a monumental tumba do esqueleto. Estes restos súmanse aos do famoso Atilano da campaña do ano pasado, mais o novo individuo está moito mellor conservado; os ósos están máis enteiros e achegarán máis información.
O esqueleto atopouse nunha tumba de lousas, sen enchido de terra. ‘Neste tipo de tumbas créase un espazo baleiro que propicia a conservación dos restos,’ explica a antropóloga física Candela Martínez. Ao levantar a primeira lousa xa se albiscou un cranio perfectamente conservado, con dentadura incluída. Outros ósos conservados son os coxais (da zona da pelve), que xuntos ao cranio permiten definir a idade e o sexo do individuo, aínda que de momento é pronto para valoralo. Martínez fai unha valoración moi cautelar baseada nunha primeira observación dos ósos na que comenta que é posible que o esqueleto sexa de muller. A dentadura achega información crucial sobre a dieta. ‘Coa análise de isótopos estables pódese saber a dieta que tivo o individuo na súa infancia, a partir de se consumiu máis proteína de peixe ou de carne. Isto dá pistas da procedencia da persoa,’ explica Martínez. A primeira vista, nesta dentadura nótase un gran desgaste, o cal pode vir motivado por factores varios como a idade ou a dieta. Para ter datos máis exactos haberá que esperar aos resultados de laboratorio.
Outros datos que achegan os restos óseos están relacionados co rango de idade, patoloxías que deixaron marca nos ósos e a calidade de vida do individuo, ademais de poder obter unha datación moi precisa da época na que viviu, mediante análise Carbono 14.
Respecto á datación, de momento o que se pode dicir é que os restos seguramente correspondan co período altomedieval. ‘Polo tipo de tumba e o contexto arqueolóxico estamos falando de entre os séculos VIII e XII, máis ben do XI ou XII’ declara Xurxo Ayán. Hai que esperar aos resultados de análise do laboratorio para ter datos precisos. O equipo terminará de exhumar os restos óseos entre hoxe e mañá.