O Concello de Vilalba vén de anunciar o gañador do XLV Certame Literario de Poesía despois de que o xurado emitise na tarde de onte o fallo. Lidos os 36 libros presentados a este Premio dotado con 7.000 euros, flor natural e diploma, acordouse por unanimidade proclamar gañador o poemario presentado co título “Poema da rúa das aves”, do autor Xosé Miguel Barrera Vázquez.
O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, estivo formado por expertos no eido literario: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, Catedrático de Historia; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal e Xulio Xiz, xornalista.
Xosé Miguel Barrera é natural de Vilalba, aínda que actualmente reside na vila madrileña de Torrelaguna, sendo membro do Grupo Bilbao de escritores afincados en Madrid e colaborador da revista de poesía OLGA. Na súa actividade literaria figuran publicacións en galego e castelán, como os libros de poesía Loita de Silencio, Árbore do Desespero e Poemas do Tempo Silenciado. Tamén ten colaborado en diversas publicacións colectivas como a revista Xistral.
Asemade ten publicacións en diversas revistas colectivas de escrita castelá como La Espadaña, Cartapacio ou Piedra Lisa. Entre algúns dos recoñecementos do autor destacan a de finalista do concurso de guión do proxecto Una Tela en Blanco polo texto “Una tarde en el parque” e no concurso poético Chozas de la Sierra, na súa VIII edición, acadou a Mención de Honor polo poema “Lamento por la muerte de un amigo”.