Nos veráns viaxo moito máis ca no resto do ano, por motivos que puidésemos chamar laborais se non fóra que ao estar xubilado non poido argüír esas razóns, pero que a fin de contas veñen ser os mesmos traballos e dedicación, só que agora prestados sen interese pecuniario.
A autovía A-6, e en segundo lugar a A-8, son os itinerarios máis veces percorridos, e como a condución se presta para cavilar nos máis varios asuntos, hai dous –sempre relacionados co goberno ou o desgoberno- principais que ocupan as miñas cavilacións.
Agora que hasta os GPS procuran levarnos por vías que non sexan de pago aínda que as condicións das estradas non sexan as máis axeitadas, o goberno –calquera goberno con afán recaudatorio- volve deixar caer a posibilidade de que se estableza unha taxa polo uso das autovías, para intentar que paguemos de novo por unhas vías construídas en época de bonanza cos diñeiros de todos nós.
Lembro esta intención cada vez –e son moitas- que nunha destas nosas autovías noto un bache ou irregularidade no pavimento que me fai recordar que se as técnicas son perfectas as realidades políticas teñen deficiencias que soportamos todos nós.
O segundo pensamento xorde especialmente cando a agulla que marca o combustible se achega ao punto de mínimos que fai acender a luz que indica que se debe repostar. E volvo fixarme nas tarifas dos combustibles que, vaia casualidade!, son máis elevadas nas autovías que algunhas das estradas convencionais, e teño rexistrado diferencias de ata 13 céntimos en litro dunha gasolineira a outra, co que se acudo a unha das de baixo custo encher o depósito cústame 9 € menos ca nas de prezo normal.
Hai unha terceira cuestión que me anda tamén na cabeza ao considerar que conduzo o meu cuarto coche de gasoil, combustible en tempos recomendado por seguridade, menor custo, mecánica máis sinxela… e agora denostado por unha maior contaminación e, seguro, por menor rendemento económico.
Non é que no inverno non me preocupen estas cousas, pero ao viaxar menos non teño tan cotián evidencia de que entre o goberno, os suministradores de combustible e os fabricantes de vehículos andan ríndose de nós –abusando- desde hai moito tempo e seguirán exprimíndonos con total impunidade.