O Alcalde en funcións, Rubén Arroxo, anunciou que o arranxo do firme do leiraparking do HULA comezará o luns 2 de setembro. Segundo Arroxo, as actuación consistirá na colocación “dunha capa de zahorra sen finos de 10cm, que permitirá a drenaxe de auga evitando que se formen as fochancas e lameiras”. Ademais, delimitarase a zona de paso da de estacionamento usando zahorras de diferentes cores, para evitar así que se formen atascos por vehículos mal estacionados.
Segundo Rubén Arroxo, “o ideal sería asfaltar, pero a día de hoxe, debido a que este terreo está afectado polo 5% do plan xeral sen aprobar, non é posíbel”. Arroxo indicou que “na obra anterior utilizouse un material cunha granulometría demasiado fina, o que, xunto a que o final das obras coincidiu co inicio da época de choiva, fixo que se formaran as fochancas e lameiras”.
A partir do día 30 de agosto colocaranse as vallas para realizar o peche do recinto de cara ao comezo das obras que teñen un prazo de realización previsto de 3 semanas.