O Partido Popular de Castroverde lamenta que o alcalde deste municipio e deputado provincial votase en contra da proposta do Grupo do PP de esixir un Pleno Extraordinario na Deputación, co fin de que o novo goberno provincial cumprise os compromisos asumidos para a construción da residencias.
Para os populares locais resulta “moi decepciónante que o rexedor levantase tamén a man, xa que a residencia deste concello leva construída dende 2015 e aínda non abriu as súas portas. Ante o suceder dos feitos, recoñecen que agardaban que o alcalde, neste asunto, fose quen de priorizar e de defender ao seu concello antes que contentar ao presidente, aos compañeiros e ao seu Partido. É unha auténtica vergoña”, remarcan.
“Xa vimos que non foi así, polo que moito nos tememos que todo o enmarañado da residencia seguirá”. Os populares fan constatar que “Arias participou na inauguración co presidente daquel entón e foi testemuña dos enredos do predecesor de Tomé e, agora, con este último, como é deputado, parece que se lle esqueceu todo”. E é que para o grupo municipal do PP “non basta que dixesen que ían facer as residencias, se logo á hora de votar, manifestaron o contrario”. “Este desdicirse, conclúen dende Castroverde, non nos tranquiliza, senón que aínda nos fai estar máis preocupados”.
Por todo elo, adiantan que, no vindeiro Pleno da Corporación local, preguntarán a Arias cando ten previsto abrir esta infraestrutura “tan necesaria e demandada en Castroverde”. “Queremos saber que pensa facer porque non se explica que vote en contra”, conclúen.