O Presidente de Deputación, José Tomé Roca, participou este sábado na XXXVI edición da Festa do Emigrante de Pol que se celebrou na Carballeira de Mosteiro deste municipio ao longo de toda a xornada. A Deputación colabora con esta cita, que reuniu a preto de 2.000 persoas.
Tomé Roca sinalou que a Festa do Emigrante de Pol está “completamente asentada no calendario de citas lúdicas e culturais da provincia, sendo en cada edición un auténtico éxito. A través deste evento, recordamos e homenaxeamos aos veciños que abandonaron os seus fogares en busca dun futuro máis próspero. Dende a Deputación colaboramos con esta cita porque dinamiza a economía da localidade, ao mesmo tempo que pon en valor a cultura tradicional”.
A Festa do Emigrante deu comezo ás 11:45 horas coa actuación da Asociación Cultural Airiños de Orbazai-Canteiras; o pasarrúas a cargo da Tuna de Veteranos da Coruña e a degustación de produtos de razas autóctonas de Porco Celta e Galiña de Mos. Xunto á misa, xantar, e sesión vermú, durante toda a xornada festiva houbo maxia a cargo do Mago Antón e demostracións de olería e o xa tradicional descubrimento da placa do XXXVI Aniversario da Festa do Emigrante. Nesta ocasión o pregoeiro foi Ramiro Varela Cives, doutor en Medicina e especialista en cirurxía pediátrica. Ademais, houbo diferentes actuacións musicais a cargo da charanga Louband e os grupos Pasión e Fórmula.