Días pasados, como calquera xornada dun mes de agosto, os informativos das radios e televisións nacionais, abrían coas noticias de espectaculares incendios, contra os que se loitaba con todos os medios humanos e técnicos dispoñibles.
Pero por estraño que poida parecer, nesta ocasión non se referían a ningún incendio nos montes galegos, senón que era Gran Canaria a zona especialmente damnificada, centrándose os lumes na zona de Tejeda, e Galdar, punto central este último do Camiño de Santiago en Canarias.
A climatoloxía benigna pode ter algo que ver, aínda que Galicia ten ardido polos catro costados sen que o sol puidese ser considerado a causa principal dos sucesos, pero xa o ano pasado e agora este foron singularmente tranquilos nos nosos montes.
Seguro que os correspondentes servizos oficiais encargados desta materia tan sensible nos han facer notar esta bonanza ígnea, da que todos somos beneficiados, e mesmo poderán afirmar que funcionan as medidas de prevención de incendios, dotación de medios, e formación dos medios humanos, e estamos dispostos a aceptar que se está facendo un bo traballo contra o lume prevendo en lugar de ter que combater con todos os medios os incendios doutros anos, porque estamos fartos de que un territorio coma o noso onde a auga é elemento de primeira orde e o verde a nosa cor característica, pareza o lugar ideal para arder en canto aparecen as primeiras calores e xurda unha lapa arredor de calquera exemplar das nosas máis abundantes especies arbóreas.
Se a climatoloxía axuda, e a prevención se fai notar, só nos queda un terceiro elemento sobre o que traballar todo o ano, todos os anos, o elemento humano, decisivo neste tema ao ser provocados a inmensa maioría dos lumes no monte galego.
Sexa inconsciencia, irracionalidade, vinganza ou intereses económicos, queimar o monte é como intentar afundir o barco no que un navega, e o peso da Lei debe caer con toda a forza sobre os asasinos das árbores, á vez que se extrema o control para impedir que unha imprudencia poida provocar unha catástrofe.
Rematando o verán teórico, congratulémonos da paz nos nosos montes, e agardemos que todo siga a funcionar como un reloxo: ‘prevención, extinción, formación, e o sentidiño. Que o monte é noso, e se arde con el arde parte de nós.