O Deputado de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica, Efrén Castro Caloto, xunto ao Alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo González, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos a XI Feira de Artesanía e Etnografía que terá lugar na Praza da Cruz do Incio este domingo.
A décimo primeira edición deste encontro artesanal que busca recuperar os oficios tradicionais contará coa participación de 50 postos artesáns e terá como protagonista a castaña, un dos produtos autóctonos máis relevantes da provincia de Lugo. O programa inclúe unha mesa redonda sobre a explotación dos soutos abandonados para incentivar a súa recuperación como fonte de recursos económicos, ademais de música, obradoiros artesanais, xogos infantís tradicionais e degustacións gastronómicas elaboradas con castaña.
O Deputado de Artesanía destacou que “a institución provincial colabora coa XI Feira de Artesanía e Etnografía do Incio para, ademais de dinamizar o turismo neste concello, incentivar o sector artesanal da nosa provincia de Galicia, e visibilizar os produtos artesanais e de calidade do nosos pequenos produtores locais para que máis lucenses poidan vivir dos recursos do rural, e no rural, asentando así poboación na nosa provincia”.
O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo colaborará tamén nesta cita cultural levando unha demostración de torno en vivo, que elaborará pezas talladas en madeira. Será realizada por David Doral García, carpinteiro e emprendedor no rural da comarca de Cervantes, que forma parte do programa de promoción da artesanía do CentrAD.
Castro Caloto animou aos lucenses e visitantes da provincia a achegarse ata o Incio este vindeiro domingo e engadiu que “con este encontro artesanal damos a coñecer tamén o noso patrimonio etnográfico e cultural e os valores e tradicións recuperando e potenciando a nosa cultura popular galega”.
Programa da XI Feira de Artesanía e Etnografía do Incio
Coa castaña como protagonista, a XI Feira de Artesanía e Etnografía do Incio pon en valor os traballos artesanais. Comezará ás 12:00 horas co pregón da poeta Olga Novo.
Ás 13:00 horas dará comezo unha mesa redonda no salón de actos do Concello do Incio na que participarán membros da Cooperativa Amarelante (Premio Agader 2019), que exporán a súa experiencia de posta en marcha dun proxecto de recuperación e explotación de soutos tradicionais. Á mesma hora tamén haberá degustación de varias receitas de caldo de castañas.
As demostracións de torno de madeira a cargo de David Doral García en colaboración co CENTRAD da Deputación de Lugo terán lugar de 13:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas.
No serán organizarase un concurso de repostería a base de castaña ás 17:00 horas, e un concurso de baile ás 18:00 horas. Durante toda a xornada haberá xogos tradicionais e infantís e música da charanga BB+ e dun grupo de gaiteiros. Todas as actividades ao aire libre desenvolveranse na Praza da Cruz do Incio, entre a Igrexa e o Concello.