O Deputado de Deportes, Efrén Castro Caloto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández Méndez, presentaron este mércores o VI Torneo Lugo é Basket, que enfrontará ao CB Breogán e ao SL Benfica o próximo sábado, no Pazo Provincial dos Deportes. Xunto con eles estiveron o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz, e o director deportivo da AX Sagrado Corazón, Rubén Engroba.
Castro Caloto explicou que “un ano máis temos a oportunidade de apoiar este gran torneo, no que participará o equipo máis importante da Liga Portuguesa de Baloncesto, que acadou en 27 ocasións o título de campión. Estou seguro de que a cidade de Lugo demostrará, unha vez máis, o seu compromiso e paixón co baloncesto, apoiando ao Breogán durante a pretemporada e o campionato regular”.
O partido terá lugar o próximo sábado, ás 19:00 horas, e as entradas poden adquirirse na web https://axsc.es/ aínda que tamén se habilitará unha billeteira do Pazo o día do partido. Terán un prezo único de 4 euros para menores de 18 anos e de entre 6 e 8 euros para os maiores.
Campus Comeza
No mesmo acto tamén se presentou o Campus Comeza, organizado pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, que reunirá entre os días 3 e 6 de setembro a preto de 50 nenos e nenas nacidos entre 2002 e 2011. Durante estes días os participantes desfrutarán de visitas de xogadores profesionais e actividades lúdicas e deportivas co acompañamento de Isaac Pujol, adestrador do Segle XXI, que compite na Liga Femenina 2, e é experto en adestramento de alto rendemento.
O día 7 de setembro tamén terá lugar unha xornada de formación, o XVI Clinic Lugo é Basket, na que tamén participará Isaac Pujol, xunto con Salva Maldonado, adestrador con máis de 600 partidos en ACB, e David Barrio, actual adestrador do Ciudad de Ponferrada.