Eu comezo a pensar que realmente teño un grave problema e que non evoluciono, ou, polo menos, non do xeito que o fai unha gran maioría da xente, porque hai cousas que non soamente non me entran na cabeza, se non que teño claro que nunca, por moitos anos que viva, compartirei, agás, claro, que algo dentro dela se me “desaxuste” aínda máis do que xa debe estar.
O acontecido a pasada semana na nosa cidade non fai se non reafirmarme no que estou a dicir, e vou a explicar a razón.
A min, supoño que coma a calquera que se lle chame ser humano e mais sendo nai, poucas cousas se me ocorren máis terribles, que maltratar a un bebé, como presuntamente sucedeu no caso xa de todos coñecido en Lugo, e ao que se engadían, ademais, as deplorables condicións nas que o meniño e os seus pais vivían.
Non vou tentar xustificar o inxustificable, nin moito menos pronunciarme, primeiro, porque non son quen, e segundo, por un elemental sentido da prudencia.
Tampouco, obviamente, vou xulgar a ninguén, polas mesmas razón antes expostas, e porque para oso están as leis e a xustiza, coas que podemos concordar ou non, pero que existen para algo, cousa que, polo visto, non teñen en conta a morea de “xulgadores” afeccionados que xurdiron nestes días, que, polo visto, consideran que teñen a potestade para decidir e para condenar.
Por outra banda, non é tan difícil intuír que esa situación tan deleznable que agora se descubriu ou se fixo pública, porque, a estas alturas xa comezo a dubidar de que o descubrimento, polo menos para algúns, fora tal, non é se non o pico dun iceberg moito mais profundo, sexa polas causas que sexa, e que, insisto, eu non me considero capacitada para dilucidar.
Dito isto, se todo o exposto ata agora é terrible, non o é, para min, todo o xurdido a raíz de facerse público este durísimo caso.
En primeiro lugar, creo que hai, e con todo o respecto o digo, ademais de como profana en xornalismo, moitos xeitos de informar, sen que sexa preciso expoñer certas miserias a ollos de todo o mundo, máxime cando de todos é sabido o que lle presta a un non pequeno sector da poboación regodearse nas desgrazas alleas, porque, polo visto, tentar amañar as súas propias vidas non lles abonda, dando por sentado, claro, que teñan vida.
Dar unha noticia, informar, creo, é unha cousa. Voitrear, outra moi diferente.
Facer espectáculo da calamidade non debería estar permitido baixo ningún concepto.
Pero o que para min xa resultou totalmente arrepiante, foron os comentarios que xurdiron e se foron publicando progresivamente, cada vez que unha nova máis aparecía nos medios, algo que continúa a día de hoxe.
Desde pedir a esterilización dos pais do neno, pasando polos insultos mais atroces, acompañados de detalles da vida desta xente que, polo visto, non lles importaron nin o máis mínimo ata agora, ata quen pedía para eles pouco menos que lapidación, esgrimindo argumentos tan lóxicos como unha “señora” que escribía que a nai do meniño “llas fixera moi gordas e agora ía pagar”, por non mencionar a publicación indiscriminada da foto da nai en redes sociais, dando todo luxo de detalles para a súa identificación, ignorando, polo visto, que isto é un delito, e mesmo ameazas mais ou menos explícitas, a barbarie mais absoluta foi facendo acto de presenza cada día desde que se coñeceu a terrible noticia.
Insisto, non pretendo atoparlle unha xustificación ao que non a ten, pero, desde logo, o que non podo, baixo ningún concepto, é aprobar ese salvaxismo e esa maldade desmedida que demostran cantos soltan toda esa sarta de barbaridades, demostrando, ademais, que non é a pena nin a indignación pola mala fortuna dese bebé que, desde logo, non tivo sorte nacendo onde naceu, o que máis lles preocupa, nin menos aínda os conmove, se non a inquina contra os seus pais, que o usan a el, meu pobre!, aínda por riba, como a escusa perfecta para descargar o seu veleno.
Nin sequera agora, cando xa é de todos coñecido que o bebé foi vítima non soamente dos posibles malos tratos por parte de seus pais, se non tamén dun bucle de burocracia, inxustificable demora e da sempre intolerable escusa das vacacións, son quen de tentar transformar ese exceso de “enerxía” que semellan posuír, en algo positivo para loitar co fin de que algo así non volva a suceder.
Todo maltrato merece castigo, por suposto, e son a primeira que sempre o tiven claro, e, por suposto, o manteño, pero non o merecen menos o salvaxismo, a maldade máis atroces e a inhumanidade máis evidente, por moito que se pretenda disfrazalos de indignación e de implicación, e quen os exerce, non é, en absoluto, mellor que os executores materiais dese maltrato.
Marta Rodríguez Engroba