O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, na presentación da licitación, mediante a fórmula da Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora, da contratación do desenvolvemento dun servizo integral de cardioprotección no Camiño de Santiago por medio de vehículos aéreos non tripulados (UAVs) que esta iniciativa converte a Galicia en pioneira a nivel nacional e europeo, cun sistema que permitirá mellorar os tempos de asistencia aos peregrinos que sufran unha parada cardiorrespiratoria.
A licitación que hoxe se anunciou, que conta coa implicación tanto da Consellería de Economía, Emprego e Industria como das consellerías de Sanidade e Cultura e Turismo, ten un importe máximo de 1.149.500 €, e o sistema deberá estar rematado, probado e validado en 2020. O obxecto é a creación e validación dun pioneiro piloto demostrativo de cardioprotección que consistirá nunha solución que, embarcada nun vehículo aéreo non tripulado (UAV), permitirá diagnosticar e tratar nun curto período de tempo a pacientes que sufran unha parada cardiorrespiratoria nun tramo do Camiño de Santiago.
Para contar cun Camiño saudable, o sistema estará integrado coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias CCUS-061 que, en chamadas ao servizo con sospeitas de parada cardiorrespiratoria, facilitará a asistencia sanitaria urxente mediante o envío precoz dun electrocardiógrafo e un desfibrilador, empregando medios aéreos non tripulados. Esta licitación busca mellorar os tempos de asistencia á poboación, achegando as manobras de reanimación cardiopulmonar e o desfibrilador semiautomático ao paciente na etapa máis precoz posible, facendo uso dunha aeronave non tripulada, que se presenta como o xeito máis axeitado de mellorar estes tempos en determinadas localizacións xeográficas.
Os desfibriladores son de uso sinxelo e a persoa que acompañe ao paciente estará guiada en todo momento por persoal sanitario desde a Central de Coordinación do 061. O sistema integrado no UAV estará dotado ademais de material médico. Este novidoso sistema completarase coa intervención protocolizada habitual neste tipo de patoloxía.
A iniciativa presentada hoxe compleméntase co proxecto Camiño de Santiago, espazo cardioprotexido, co que a Xunta incorpora desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos na Comunidade. Ademais, inclúe a formación do persoal destes albergues permitindo mellorar a cobertura sanitaria dos miles de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago nos distintos itinerarios oficiais no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria.
A conversión do Camiño de Santiago nun espazo cardioprotexido é unha iniciativa que se enmarca nos valores do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, a folla de ruta posta en marcha pola Administración autonómica que busca potenciar a hospitalidade na Ruta Xacobea e proxectar a imaxe dunha Galicia que mira cara ao futuro con capacidade de innovación e creatividade, ao tempo que vela por un incremento da calidade e por facilitar a accesibilidade tanto no propio Camiño como nos albergues.