O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou esta tarde na inauguración das XVI Xornadas Científicas do Camiño de Inverno O patrimonio inmaterial: lendas, contos, ditos, historias, cantigas… que se celebrou no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. A iniciativa arranca hoxe venres e prolongarase ata o domingo, cunha morea de debates, proxeccións e rutas por esta ruta xacobea.
Na súa intervención, o titular do Goberno provincial deulle a benvida ás máis de 80 persoas que participarán neste seminario, salientando que a afluencia é unha mostra do interese que esperta este tema na sociedade galega. Tomé Roca sinalou a importancia dos traballos que se promoven ó redor desta variante do Camiño e loou ao colectivo organizador, a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, polo programa que propoñen nestas xornadas. “É un acerto poñer o foco neses aspectos tan identificadores dun lugar como poden ser as lendas, contos e todas aquelas historias que vai gardando unha área xeográfica co paso do tempo. Non podemos deixar que todo ese patrimonio oculto que se foi transmitido de forma oral de xeración en xeración quede esquecido”, sinalou.
Ademais, o Presidente deulle alento ós colectivos para seguir na senda que iniciaron co obxectivo de darlle un pulo ó Camiño de Inverno, xa que “a Ribeira Sacra ten moito que lle ofrecer ao camiñante que escolle este itinerario para chegar a Santiago, e para iso temos que apoiar as iniciativas cidadás sen perder de vista os estudos de investigación arredor da ruta”, puntualizou.
Neste senso, aludiu ao importante traballo da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, pero tamén puxo en valor “aos pioneiros que comezaron a traballar polo Camiño de Inverno”. A principios dos anos 90, hai 30 anos, destacou, “dous deputados da zona da Ribeira Sacra, como foron Margarita Rodríguez Otero e Ceferino Díaz, levaron ao Parlamento Galego unha Proposición Non de Lei que foi aprobada, na que xa reclamaban o recoñecemento desta ruta, á que naquel momento lle daban o nome de Camiño Sur a Santiago”.