‘Perdóanos, Paula’

“De novo é noticia Paula Prado porque, exonerada polo Tribunal Superior de Xustiza dos cargos cos que foi vilipendiada, foi rehabilitada polo Partido Popular. Diante disto, pregúntome: Eu que sei de Paula Prado?… o que escoitei (sonido de fondo), vin (imaxes viaxeiras ) ou lin (de pasada) nos medios informativos.

Hai tantos temas político-xudiciais que, se despertan interese, non é abondo como para profundar neles, e xulgámolos, dando por suposto que xa está todo dito. E Paula Prado é unha política que foi noticia moito tempo porque andaba a Xustiza polo medio, implicárona en graves causas, pero coa que está caendo non se lle podía prestar máis atención do que unha trivialidade merece.

Así, durante meses, Paula Prado foi obxecto de información e comentarios, de críticas e suposicións, de refinada tortura social á que todos contribuímos, porque “algo terá feito”, “cando a Xustiza intervén, algo hai… Meses. Certo que cando a Xustiza “locuta, causa finita”. Pero a Xustiza tarda en falar.

E, de repente, centos de páxinas despois, un cento de telediarios, un milleiro de informativos horarios… a Xustiza fala, “locuta”, que non hai motivo para que Paula Prado del Río ande na boca das xentes. E agora, todos calados coma petos (non sei porque na miña nenez se dicía “calados coma putas”) agardando que Paula volva facer a vida habitual como se non pasara nada.

Non coñezo a Paula Prado nin a ninguén do seu contorno. Por iso nunca chegará a pedirme consello sobre como comportarse agora e en adiante. Mellor así, porque eu non sabería aconsellala. Terá que vivir, pero non lle ha ser doado; todo isto ten efectos secundarios. E ningún de nós (atención, políticos!) é culpable individualmente. Este é un pecado social do que o conxunto de nós (atención tamén os non políticos!) é culpable.

E do que non se nos pode perdoar, non se nos perdoará nunca, porque nin siquiera somos capaces de confesar a nosa culpa. E menos mal que o seu Partido a acolleu de novo, porque ben puidera ser que a declaración de inocencia lle chegara demasiado tarde”.

Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com