Desde a asociación Si, hai saída, unha vez máis vémonos na dolorosa obriga de condenar do xeito máis enérxico un novo e salvaxe crime machista, que nesta ocasión segou a vida de tres mulleres en Valga (Pontevedra).
Así mesmo, de novo instamos, esiximos a urxente revisión dun sistema a todas luces ineficaz.
Fálase moito do efecto chamada que produce a difusión por parte dos medios de comunicación dos casos de violencia de xénero, achacándolles que incitan aos potenciais asasinos machistas a cometer os seus crimes.
En Si, hai saída temos o convencemento de que si existe un efecto chamada, pero non está motivado polo feito de dar a coñecer estes crimes, xa que non se pode agochar o tremendo feminicidio que se está a dar, se non polo baixo custe ou mesmo, nalgúns dos casos a impunidade que para os maltratadores, para os asasinos machistas, implica cometer os seus atroces delitos.
É totalmente absurdo, por non dicir irracional, ademais de temerario, obstinarse con seguir adiante con un sistema que claramente non está a funcionar e que se está cobrando máis e máis vidas.
Isto non vai de concentracións, nin de minutos de silencio, nin moito menos de fotos cando a violencia de xénero golpea de xeito tan brutal, que a vista está, de nada serven por si sos.
Esta teimudez está custando demasiadas vidas.
Asociación Si, hai saída