Hoxe deron comezo as obras de acondicionamento da travesía de San Eufrasio, a vía urbana está situada no arranque da estrada LU-530 (Lugo-A Fonsagrada).
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a zona e lembrou que se trata dunha mellora importante por canto afecta ao tramo con maior intensidade de tráfico da rede de estradas autonómicas na provincia. Diariamente circulan unha media de 10.000 vehículos por esta vía, que constitúe o acceso preferente á cidade polo leste e serve para acceder ao hospital Lucus Augusti e á autovía A-6.
Os traballos consistirán no arranxo integral da calzada entre a estación do ferrocarril (o punto quilométrico 0,00) e o enlace coa autovía A-6 (punto quilométrico 3,60). Durante esta primeira semana realizaranse os fresados e na seguinte está prevista a renovación da capa de rodaxe sempre que as condicións climatolóxicas o permitan. Actuarase en ambos carrís alternativamente, de xeito que sempre haxa un aberto á circulación. Tamén se vai a renovar a sinalización horizontal.