Veciños da Pastoriza denuncian a perda de servizos sanitarios no Centro de Saúde

Veciños da Pastoriza denuncian a perda de servizos sanitarios no seu concello e alertan da situación na que se atopa a atención médica no Centro de Saúde da localidade desde que se xubilou este verán un dos tres médicos de atención primaria que había, unha redución na prestación sanitaria que se engade aos problemas existentes na atención pediátrica e no servizo de urxencias no PAC de Meira.

Nun escrito dirixido ao Conselleiro de Sanidade, os presidentes de 5 asociacións de veciños do concello, pertencentes ás parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira, explican que “no Centro de Saúde da Pastoriza veuse producindo nos últimos anos un descenso acusado no número de profesionais sanitarios, pasando de 4 médicos a tan só 2 na actualidade, o que está a provocar unha perda importante na calidade asistencial que recibe a poboación”.

Explican que “hai dous anos vimos reducido o número de médicos de familia de catro a tres e agora, trala xubilación este verán dun dos facultativos, vemos que non foi cuberta de maneira permanente e non temos certeza nin garantía de que se vaia cubrir esa praza, tendo que asumir os dous médicos titulares que quedan toda a carga de doentes Por agora o Sergas está cubrindo a praza do médico que se xubilou puntualmente con interinos ou contratados temporais, pero non hai un facultativo fixo, o cal causa trastornos nos doentes pois cada vez que acoden a consulta aténdeos un médico de cabeceira diferente, poñendo en risco a súa saúde, pois os continuos cambios dificultan que o médico poida coñecer ben o historial do paciente, máis ainda debido á carga de traballo que soportan os médicos de atención primaria, e resulta evidente que o facultativo non pode ler e estudar o historial médico de cada paciente nunha consulta de 10 minutos”, argumentan.

Ante esta situación, os representantes veciñais solicitan unha reunión “á maior brevidade posible” co Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, á fin de que este concrete “se a praza deste terceiro médico vai ser cuberta”. ”

Sen pediatra

Os presidentes das asociacións de veciños pretenden tratar tamén co conselleiro outros asuntos que afectan á poboación do concello, dado que a perda de servizos de atención primaria engádese aos problemas existentes coa atención pediátrica e co servizo de urxencias no PAC de Meira.

Desatención no PAC de Meira

Unha terceira problemática existente na Pastoriza ten que ver co funcionamento do Punto de Atención Continuada de Meira. Os veciños de Meira, A Pastoriza, Ribeira de Piquín, Pol e A Pontenova comparten o PAC do Centro de Saúde de Meira, onde hai un médico e un ATS de garda. “O problema xorde cando se dá unha urxencia domiciliaria e o equipo de garda se ten que desprazar a aldeas afastadas do PAC, pois este queda descuberto. Se nese momento unha persoa acode a urxencias non hai quen o atenda, ocasionando largas esperas ata que o médico está de volta”, denuncian.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com