As obras están en marcha dende hai dúas semanas e prevese que estean rematadas no prazo estimado dun mes, a mediados de outubro. Neste momento, a actuación está executada aproximadamente nun 65%, estase a terminar de instalar a estrutura.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, lembrou que o orzamento desta actuación é de 372.000 euros, do que a Xunta achegará o 45%; mentres que as outras institucións con representación no Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo son a Deputación Provincial, que participa cun 35%, e o concello, que achegará o 20% restante.
A nova infraestrutura contribuirá a dinamizar e potenciar a multifuncionalidade do recinto feiral e a incrementar a oferta de equipamentos deportivos da cidade, beneficiando tanto a actividade federada como o deporte base.
A nova dotación será unha infraestrutura de referencia para España, para Galicia e para a cidade de Lugo, e de feito as futuras instalacións serán susceptibles de acoller actividades tales como adestramentos de membros de forzas e corpos de seguridade ou de colectivos que traballan en altura que actualmente se desenvolven fóra da comunidade.