O Goberno Provincial de Lugo, anunciou que a xunta de goberno acordou hoxe a adxudicación dos traballos de conservación da rede viaria da provincia correspondentes a 2 lotes dos 8 nos que está divido este servizo. Farase cun investimento próximo aos 1,3 millóns de euros para tres anualidades, de 2019 a 2021.
A voceira sinalou que “estes 2 lotes aglutinan a 21 concellos das comarcas da Terra Chá e A Mariña”.
Ademais, lembrou que a Deputación licitou conxuntamente o ano pasado os 8 lotes nos que está dividido o contrato de conservación de estradas provinciais por un importe total de 6,4 millóns de euros para o período 2019-2021. “Na xunta de goberno de hoxe adxudicáronse 2 lotes, a semana pasada démoslle luz verde a outros 5 e faltaría un que xa se está en trámite coa previsión de que poidan adxudicarse nas próximas semanas”, sinalou.
Asemade, resaltou a importancia deste contrato “que dá mostra de que para nós a mellora das comunicacións viarias é unha prioridade porque son necesarias para garantir a igualdade de oportunidades”.
En canto ao prego que rexe a contratación deste servizo de contratación, inclúense novas cláusulas sociais que defenden os dereitos dos traballadores, favorecen o emprego feminino na obra pública, o emprego fixo e de calidade, á pequena empresa e á protección do medio ambiente.
Nesta xunta de goberno tamén se aprobou un convenio de cooperación entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte de Lemos para a organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019. A colaboración acordada foi de 40.000 euros. “Apostamos por este evento, no marco do noso compromiso co turismo, nunha zona que está en auxe e que as cifras o avalan, este verán foi de récord, acadando case o 100 % na ocupación hoteleira”, aseverou a voceira do Goberno Provincial.
Set 20, 2019 - 05:13 PM
@depulugo E de paso a ver se fan algunha roza polas carreteras do Corgo, este ano chegan as herbas o outro lado.
Lu_P1608