A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería, para o curso 2019/20. Ao abeiro desta orde, incorpóranse ao programa un total de 28 centros públicos en toda Galicia e outórganse axudas aos restantes 652 centros que formaban xa parte do PLAMBE.
Na provincia de Lugo incorpóranse ao programa tres centros, o CEIP Plurilingüe do Corgo (O Corgo), o IES Enrique Muruais (A Pontenova) e o CEIP Otero Pedrayo (Rábade).
A biblioteca como espazo de dinamización e inclusión
O PLAMBE ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, no que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.
Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.
Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI.