O Orfeón Lucense vai participar maña, sábado, na homenaxe que Xesús Mato (Director emérito da agrupación coral) vai recibir en Paradela con motivo da XXVI festa dos Avós, ao terse cumprido un ano da concesión da Medalla Castelao ao sacerdote e activista cultural e social.
O obxectivo desta festa anual que promove o Concello de Paradela, é dedicar un día ao colectivo da terceira idade como recoñecemento ao seu importante papel na sociedade. Os actos van ter lugar no Mercado de Paradela, e comezarán ás 12,30h. coa recepción de autoridades e invitados.
Ás 12,45 e ás 17,30, actuará a Banda de Música de Paradela, e ás 13,15 comezará a misa solemne que oficiará Xesús Mato, e que será cantada polo Orfeón Lucense, que dirixe o seu titular, Marcos Manuel Fernández Mosquera. Despois da misa, e antes do xantar, o Orfeón ofrecerá un breve recital de cancións populares galegas.
A dedicación desta festa a Xesús Mato é por terse cumprido un ano de que lle fora concedida pola Xunta de Galicia a Medalla Castelao, a primeira da historia que se concede a petición dunha institución e con aportación de 2538 sinaturas, 239 delas de institucións, asociacións ou empresas.
A idea inicial foi do Orfeón Lucense, que lle propuxo ao Concello de Paradela solicitase este galardón para o que é un dos seus fillos predilectos, tomando o concello este acordo por unanimidade. E a continuación, tanto por iniciativa do Orfeón, como do Concello e xentes de Paradela, canalizáronse estas adhesións cara á Xunta de Galicia, tendo como resultado esta merecida concesión.