A liña marcada por Feijoo no debate do estado da Autonomía diverxe de maneira rotunda coa mantida polo socialista Pedro Sánchez. Dende a súa abrupta chegada á presidencia do Goberno, Sánchez instalouse na posverdade, ese neoloxismo que expresa distorsión da realidade, e no relato, é dicir, pura estratexia comunicativa. Todo conto e nada de xestión. E así estamos hoxe en Galicia afrontando a crise de dúas empresas fundamentais para a provincia de Lugo, Alcoa-San Cibrao e As Pontes. A inexistente xestión da transición enerxética pon a esas dúas empresas en situación de inquedanza e a miles de traballadores galegos diante dun futuro cargado de temores. Pola contra, o presidente de Galicia lanzou mensaxes moi claras de apoio e de decisión de non permitir que se produzan peches sen alternativas para os traballadores e para as comarcas. Feijoo deixoullo claro a Pedro Sánchez nos últimos días en varias ocasións: o Goberno central non pode seguir actuando en todo sen pensar no que se leva por diante. Pero parece que os socialistas teñen xa trazado un camiño. Só así se pode explicar, que non entender, que o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, votara en contra da proposta do PP para instar ao Goberno a adoptar medidas para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao. Foi incapaz, pese á imaxe institucional que busca para si, de manter o consenso político imperante ata agora sobre esta cuestión, incluso baixo a presidencia provincial de Gómez Besteiro. Os galegos en xeral, e os lucenses en concreto, poden estar seguros de que o PP será un máis, e moi activo, na loita por manter o tecido industrial de Galicia.
O debate do estado da Autonomía deixou a imaxe de Feijoo como líder político sólido, consolidado e fiable. É unha imaxe que se contrapón á do socialista Pedro Sánchez e a do seu delegado Gonzalo Caballero. Ningún dos dous quere entender que os cidadáns buscan líderes que non substitúan a verdade pola posverdade nin a xestión polo relato. Feijoo resumiu os grandes avances de Galicia desde 2009 e trazou o camiño a seguir, con proxectos claros para fortalecer o tecido industrial, apoiar a investigación, estimular a natalidade, respaldar a agricultores e gandeiros, e que os mozos e mozas teñan moito máis fácil proxectar o seu futuro en Galicia. Como Feijoo no falaba a fume de pallas, concretou iniciativas no campo sanitario, no da educación, no da tecnoloxía, etcétera. E así foi quedando claro que, fronte ao egoísmo narcisista de Pedro Sánchez, en Galicia a Xunta ten un presidente que expón sen medias tintas: «O de menos é o futuro dos que estamos aquí. O demais é que Galicia ten despexado o seu para os próximos 12 meses e hai que garantir un futuro certo para os próximos 12 anos». Ou o que é o mesmo, Galicia ten un Goberno formado por homes que mulleres que, como dicía J.F.K, non se preguntan que pode facer o país por eles, senón que non deixan de preguntarse que poden facer eles polo pais. Feijoo foi explícito: «As galegas e os galegos poden contar coa Xunta de Galicia e poden contar comigo».