Cúmprense cen días desde a reinvestidura da socialista Lara Méndez como alcaldesa de Lugo, compartindo goberno co BNG, e chega o momento das primeiras valoracións. Mentres que a rexedora sinalaba a “estabilidade” do goberno que permitiu “sacar adiante moitas iniciativas que xa estaban consignadas nos orzamentos de 2018 e posibilitou iniciar moitos proxectos que xa estaban avanzados”, os populares de Ramón Carballo resume estes tres meses como “tempo perdido para os lucenses”.
“Pequenos pasos, dados en cen días que se artellan nun obxectivo claro: avanzar na segunda transformación da cidade e facer de Lugo un municipio de futuro, á vangarda en tódolos aspectos, sostible e respectuoso coa contorna, humanizado e habitable”, aseguraba a alcaldesa ante os medios, tras destacar a importancia de “logros” como a posta en funcionamento da e-administración, os avances na humanización de Quiroga Ballesteros, ou a instalación do ascensor do Sagrado Corazón.
Pola súa banda, o seu compañeiro de goberno, o nacionalista Rubén Arroxo, fixo o propio nunha asamblea local do seu partido, resaltando a concordancia das súas accións de goberno co programa presentado á cidadanía nas eleccións, facendo fincapé “na boa sintonía de traballo dentro do equipo de goberno e nos avances dados en pouco tempo nalgunhas cuestións como as mesa de mobilidade, o desbloqueo de diferentes accións conxuntas coa Xunta de Galiza ou o arranxo do aparcadoiro municipal do HULA”.
Pero, todo este traballo valorado moi positivamente polos dous grupos no Goberno local, foi duramente criticado esta mañá polo líder da oposición, Ramón Carballo que resumíu os 100 días goberno do bipartito de Lugo como “tempo perdido para os lucenses”. O popular afirmou que “neste mandato sufriremos diferentes capítulos de desencontros e contradicións entre o bipartito do PSOE e BNG” lembrando “os problemas que tiveron para estructurar o goberno, os criterios dispares a conta do peche do parking Ánxel Fole, ou voto distinto á hora de reclamar as transferencias do Estado”
Out 02, 2019 - 07:21 PM
Básicamente, o BNG fixo en tres meses cousas que o psoe non dera feito nos 20 anos anteriores.