O Partido Popular de Lugo elevará ao vindeiro pleno a elaboración dunha nova ordenanza que poña coto á actividade dos gorrillas. O vicevoceiro da formación azul, Antonio Ameijide, manifestou que “un dos aspectos que debería figurar nesta norma é a posibilidade de permitir á Policía Local de Lugo decomisar o diñeiro que reúnan os gorrillas”. Os cartos, segundo propón o PP, destinaríanse para fins sociais en entidades sen ánimo de lucro.
O popular lanzou esta proposta logo de que a alcaldesa cuantificase o que cobran por esta actividade ilícita. Para Ameijide “tendo os datos xa calculados a señora Méndez non debería haber maior problema en incautar os cartos recaudados ilícitamente polos gorrillas. Como saben o que cobraron tamén sabrá o que ten que recaudar”.
Os populares aseguran que esta nova norma será unha ferramenta de traballo indispensable para que a policía local poida actuar contra os que exercen esta actividade. Os populares poñen como exemplo a cidade de Murcia que ten en estudo incautar os cartos recadados extorsionando aos veciños ou capitais como Sevilla ou Burgos que xa teñen normativas neste senso.
A agrupación lucense propón asemade que a ordenanza inclúa medidas de carácter social para ofrecerlles alternativas aos gorrillas para que abandonen esta actividade.
O vicevoceiro do PP agarda que o bigoberno teñan unha “maior sensibilidade” da que tiveron hai un ano con este asunto e lembrou como “no pleno celebrado o 25 de outubro de 2018 PSOE, BNG e Cs tumbaron unha iniciativa na cal solicitabamos unha ordenanza para combatir a actividade dos gorrillas”.
Segundo opinaba esta mañá o vicevoceiro popular “a alcaldesa segue instalada nunha actitude de queixa permanente, non asume responsabilidades e insiste en trasladar a solución dos problemas a outras administracións”. “Deixe de queixarse e busque solucións a este problema xa crónico dos gorrillas do Hula, xa non engana a ninguén”, concluía Ameijide.
Out 03, 2019 - 11:30 AM
hai que escoitar cada cousa….
Out 03, 2019 - 09:13 AM
🤦🏼♂️
Out 02, 2019 - 01:56 PM
@PPConcelloLugo É dotalos un uniforme que poña “recadadores de impostos”